A sample text widget

Etiam pulvinar consectetur dolor sed malesuada. Ut convallis euismod dolor nec pretium. Nunc ut tristique massa.

Nam sodales mi vitae dolor ullamcorper et vulputate enim accumsan. Morbi orci magna, tincidunt vitae molestie nec, molestie at mi. Nulla nulla lorem, suscipit in posuere in, interdum non magna.

Como chegaremos á confederación universal?

Libro «Catalunya i l’Europa futura» («Cataluña e a Europa futura») de Alexandre Deulofeu i Torres, editado no ano 1934 e reeditado en 1978. Páxinas 297 a 300.

Capítulo XIX. Como chegaremos á confederación universal?

Cal vai ser a futura organización mundial? Evidentemente, unha federación voluntaria de pobos libres, dentro da cal todos eles teñan a mesma categoría e, xa que logo, a mesma influencia.

Como podemos chegar? Evidentemente, por evolución natural, a cal vaise ir realizando por dous vieiros diferentes:

  • 1º. Por desintegración dos imperios e subseguinte liberación das nacionalidades sometidas, as cales entrarán primeiro a formar parte dunha federación parcial. Este é o caso da desintegración do imperio austro-húngaro, tras da cal quedaron liberados os checos, os eslovacos e Hungría. Os primeros uníronse voluntariamente para constituír unha República dentro da cal cada un dos pobos goza de plena liberdade. A Revolución rusa deu lugar á creación da Federación de Repúblicas Soviéticas. Outros pobos, como Estonia, Lituania, Letonia, fixéronse completamente independentes, pero hoxe xa se enxerga a futura federación de pobos bálticos. Continúan plenamente independentes Hungría, Polonia y Austria.
  • 2º. Os pobos sometidos conseguen un réxime autonómico dentro do imperio, e este vai evolucionando devagar cara un réxime federal, até anular absolutamente a preeminencia do pobo que até daquela exercera a hexemonía. Exemplos: En España observamos como o derrube da monarquía dá lugar á implantación dunha república federable, na cal, e en primeiro lugar, se declara en réxime autonómico Cataluña.

Hoxe, ninguén descoñece o movemento nacionalista vasco, que ao cabo rematará cun réxime autonómico para Vasconia e Navarra. O mesmo acontecerá con Galicia, Valencia, Mallorca, probablemente con Aragón, e se cadra con outros pobos de España. Esta evolución soamente necesita tempo para irse realizando.

No intre en que os pobos autónomos cheguen á súa plenitude, crearán una federación de repúblicas hispánicas, constituída polas repúblicas catalá, castelá, galega, valenciana, mallorquina, portuguesa, ou ben por subfederacións como a federación calalá-valenciana-balear, federada ao seu tempo coa galaico-portuguesa, castelá-leonesa, vasco-navarra, etc. Estas subfederacións, dentro das cales as repúblicas terán un réxime de liberdade, que será limitado pola propia vontade, nomearán os representantes respectivos para a constitución dun Parlamento xeral, que se reunirá alternativamente nas diversas capitais das repúblicas, e que se ocupará dos asuntos de tipo internacional que as federacións parciais queiran outorgarlle.

O mesmo pasará probablemente nas Illas Británicas con Irlanda, Inglaterra, País de Gales e Escocia, e en Francia coa federación de repúblicas occitanas e as repúblicas de Bretaña, Normandía, Illa de Francia, etc., etc.

Estas federacións, a semellanza da U. R. S. S., terán un artículo que dirá: As repúblicas federadas teñen o dereito a separarse cando queiran da confederación. Terá desaparecido o concepto anticuado de patriotismo español, francés… España e Francia, así como outras potencias decadentes serán substituídas polas agrupacións dos pobos federados. Como non existirán prexuízos patrioteiros, loxicamente os pobos terán tendencia á supresión dos réximes aduaneiros, e loxicamente a federación ibérica, coas federacións doutros países, tenderán á constitución dun Parlamento común, no cal estarán representados cada un dos pobos federados.

Ampliando a confederación, chegaremos ao ideal supremo que consistirá nunha multitude de pobos libres, cos seus gobernos e Parlamento propios, e cun superParlamento, que estará constituído por un representante de cada unha das pequenas repúblicas europeas, e cun móvil fundamental: manter a paz entre as nacionalidades confederadas.

Como evitaremos de vez a posibilidade dun conflito armado? Sinxelo. Cada república terá un servizo de orde pública e este servizo estará ás ordes do Parlamento xeral sempre que este o precise. Pero enténdese que isto non vai acontecer nunca, pola simple razón de que a súa forza será inmensa fronte de calquera dos pobos federados. En caso de diverxencia entre dous Estados, a causa do litixio será levada ao Parlamento e será resolta democraticamente segundo os votos da maioría. Enténdese que o fallo será acatado inmediatamente, por sentido democrático, e porque non haberá ningún Estado particular suficientemente forte para opoñerse a todo o exército internacional.

Fatalmente chegarase á adopción dunha lingua internacional. Enténdese que, ante a existencia de máis de dúascentas linguas oficiais farase totalmente imprescindíbel o uso dunha lingua única nas deliberacións do Parlamento xeral. Esta poderá ser o esperanto ou ben calquera outra lingua que non sexa, por mor de evitar suspicacias, ningunha das dos pobos federados.

Europa avanza cara a un réxime político semellante ao comprendido no gráfico entre os anos 100-350 (a. X. C.) na Idade Antiga, e entre os anos 800-1500 na Idade Media, coa diferenza que así como nestas etapas existían múltiples federacións parciais e pequenas nacionalidades completamente libres, sen un núcleo superior que regulase as diverxencias, na Europa futura existirá unha Sociedade de Nacións verdadeira, que imposibilitará os conflitos armados internacionais.

Tradución ao galego: Elisa Borrazás.