Capítulos 39, 40 e 41 do libro «As culturas europeas» (volume III da «Matemática da Historia»), dedicados á cultura irlandesa.

Capítulos 39, 40 e 41 do libro «As culturas europeas» (volume III da «Matemática da Historia»), dedicados á cultura irlandesa. Páxinas 216 a 223. Alexandre Deulofeu.

Índice:

Capítulo 39. A onda creadora en Irlanda.

Tendo en conta que ao facer o estudo do proceso político-social dos pobos de Europa deixamos de estudar Irlanda por atoparse fóra do camiño da onda creadora, como se pode ver no mapa do final do volume II, «Els grands errors de la Historia» («Os grandes erros da Historia»), cremos conveniente, antes de entrar no estudo do proceso creador irlandés, de facer unha rápida exposición do seu proceso político-social e fixar os límites entre os cales se atopa comprendida a época de gran fraccionamento demográfico que fixamos entre os anos 150 e 800 despois de Cristo.

Con só mirar as cifras dámonos de conta que o atraso evolutivo de Irlanda respecto Inglaterra é considerable, de tal maneira que a onda creadora chega á primeira ao mesmo tempo que nos pobos escandinavos. Neste atraso atopamos a explicación a que as noticias e os coñecementos da cultura irlandesa fosen máis abundantes ca os da cultura inglesa desta primeira onda, ao atopárense moito máis preto de nós no tempo.

Como nos demais pobos, os primeiros séculos do ciclo e os tres que lles preceden, son os máis escuros; a explicación estaría no feito de que as poboacións se atopan baixo un réxime de escravitude sometida ao dominio dunha nobreza imperial dexenerada e, por tanto, nunha época de inactividade cultural, que é a causa de que non queden testemuñas escritas e apenas pegadas de monumentos.

Como nos outros pobos, os catro primeiros séculos da época de gran fraccionamento demográfico corresponden á fase de aristocracia feudal, é dicir, a aristocracia imperial que se liberou do núcleo hexemónico pola desintegración do imperio e a poboación autóctona baixo o réxime servil. Durante estes catro primeiros séculos a poboación servil vai mellorando de posición ata liberarse para pasar a constituír unha clase media; paralelamente a este feito ten lugar o gran proceso comercial, industrial e artístico característico desta fase.

En efecto, Irlanda, a comezos do ciclo, atópase dividida nunha multitude de pequenos reinos feudais chamados tuath, á fronte dos cales hai un xefe; a reunión de diversos tuaths formaba unha unidade superior, a cal era coñecida co nome de clan, baixo a dirección dun xefe de máis categoría. Os clans, ao seu tempo, formaban o cenel ou tribo… é dicir, atopámonos coa genos,a fatria, a tribo… dos pobos mediterráneos na época equivalente. Ao principio desta evolución soamente existen os señores, os servos e os escravos; aos poucos vaise formando a gradación que atopamos en Grecia e nos outros pobos, é dicir, unha parte dos servos libéranse e constitúen a clase de homes libres, que se dedican a traballos diversos, pastores, xornaleiros… Unha parte destes enriquécense e pasan a ser propietarios; queda aínda parte da antiga nobreza imperial, que vai perdendo patrimonios e categoría social. Ademais desta hai aínda a clase sacerdotal dos druídas. Comeza a manifestarse a poesía e os seus recitadores, os bardos. Cultivaban, pois, a poesía, así como a música, e posuían a escritura chamada ogham.

O proceso político-social lévaos a un proceso cultural cun elevado grao de civilización e á creación dun estilo propio que se manifesta o mesmo en arquitectura que en pintura, escultura e literatura. Limitarémonos á literatura e á escultura, as cales nos permitirán precisar, non soamente un proceso evolutivo, senón tamén o momento de máximo esplendor, que coincide co final da época de gran fraccionamento demográfico, para seguir, xa baixo o dominio do imperio danés e dentro da fase federal, a fase florida, para extinguirse o poder creador na entrada da fase absolutista.

O momento de abertura corresponde a finais do século VIII. A partir dos séculos V e VII, é dicir, na fase que en todas as culturas corresponden ao réxime de aristocracia da riqueza e democracia, a cultura chega xa a un alto nivel.

A expansión comercial vai acompañada dunha expansión cultural, a cal, como a onda que chegou polo Mediterráneo, avanza agora de Occidente cara a Oriente, e así vemos como os monxes irlandeses estenden a cultura especialmente en Escocia e os Países Escandinavos. O monxe Columbano, no 563, establécese na illa de Huy ou Iona, que pertence ao reino escocés de Dalriada, e funda nela un convento que non tardou en constituír un gran centro de actividade misioneira.

Veremos que a cultura escandinava ten a base na cultura irlandesa, da mesma maneira que a cultura grega tena na cultura exipcia, ou a cultura ibérica na grega, é dicir, cada unha apóiase na cultura que a precede. Esta onda creadora nórdica non é máis que a bifurcación da onda que atravesa de Occidente a Oriente o centro de Europa e non deixa de influír especialmente as rexións nórdicas de Germania; así, o século VII, preclaros misioneiros fundaron Luxenil e Bobbio, e mesmo en Suíza San Gall fundou o soado mosteiro de San Gall, coa igrexa con cuberta plana que nada ten que ver coa nosa arte románica.

A partir das proximidades do 800 comeza a decadencia creadora para pasar á fase florida, feito que coincide co paso das cidades libres de Irlanda baixo a hexemonía do núcleo imperial danés e, por tanto, a entrada na nova época imperial coa primeira fase federal, do 800 ao 1000, seguida da fase absolutista, e con esta a perda total da personalidade irlandesa seguida da decadencia comercial e industrial (ver gráfico final do libro).

En efecto, desde o ano 795 o novo imperio danés comeza as súas incursións en Irlanda, devastando o país, e no século IX invádea, entrando as naves dos viquingos, polas desembocaduras dos ríos cara ao interior, e instálase en Waterford e en Limerik. O 852, Anlaf funda outro reino danés en Dublín e pouco despois fúndase o reino de Northumberland. Desta maneira Irlanda pasa a estar baixo a hexemonía danesa cunha organización federal, que se vai restrinxindo ata que nas proximidades do ano 1148 éntrase na fase coñecida de anarquía e guerra civil, que perdurará durante 150 anos e completará a submisión do pobo irlandés baixo un réxime absolutista coa perda total da súa personalidade. A partir deste momento extínguese a forza creadora irlandesa e entran en Irlanda as culturas veciñas, a románica-gótica especialmente, como veremos a continuación. Imos empezar pola literatura.

Capítulo 40. A literatura irlandesa.

A literatura irlandesa, como o resto de culturas, non utiliza nos seus comezos a escritura, senón que se transmite só por vía oral. Nos seus comezos trátase de himnos relixiosos, e os primeiros textos coñecidos corresponden ao século V, é dicir, ao cuarto século do ciclo, é dicir, ao paso da aristocracia sacerdotal á aristocracia da riqueza. Os máis importantes son o famoso himno de San Patricio, do século V; o himno de Ultan ou Santa Brígida do século VII, e no século IX, é dicir, no momento de plenitude e fin da época de fragmentación demográfica, sinalan a Pregaria de Ninino, o himno Seu, de Colma e o himno de Sanción, o libro dos milagres de Santa Brígida.

Segue, coma sempre, a poesía épica, dunha exuberancia e unha abundancia extraordinarias. Logo a poesía lírica cos trobadores ou «fili». Coñécense un gran número de obras, algunhas narrativas como o «scel», as outras meramente poéticas, como os «anomaris».

Describíronse diversos ciclos do romancero irlandés. Nos séculos IX, X e XI, é dicir, dentro da fase federal, predomina naturalmente o tipo enciclopédico, é dicir, a literatura didáctica e erudita. Flenegan escribía as crónicas dos reis de Irlanda; Cormacau fai unha descrición xeográfica do país,traducións dos clásicos, filoloxía (s. X), literatura xurídica, médica… É dicir, exactamente o mesmo proceso da literatura clásica grega, sumeria, india ou románica…

A literatura irlandesa non se extingue baixo o dominio dos invasores, pero perde a súa orixinalidade e atópase influenciada pola onda de cultura románico-gótica, que avanza polo mesmo camiño da primeira, é dicir, a nosa cultura occidental.

Capítulo 41. A escultura irlandesa.

François Henry, na «Sculpture Irlandaise» di: «O estudo desta escultura lévanos a un período anterior á introdución do cristianismo en Irlanda. É, en efecto, un dos aspectos máis impresionantes da arte cristiá irlandesa, o feito que sexa continuadora da arte pagá que a precede. Desde os primeiros séculos de nosa era ata o século XII evoluciona sen atrancos. Pero neste momento, esta longa evolución homoxénea atópase bruscamente interrompida. O éxito rápido dos mosteiros cistercienses propagou non soamente unha nova arquitectura e os modelos dunha decoración estranxeira, senón tamén unha maneira particular de interpretar a escultura. A fundación de Mellifont, en 1142, sinala un cambio total na arte irlandesa. Pero, xa antes desta data, unha imitación moi exacta da arte anglo-normanda e continental empezara a alterar a orixinalidade da escultura irlandesa.

A construción de Cormac, en 1134, é a proba. Cando os anglo-normandos desembarcan en Irlanda o 1169, a independencia da arte irlandesa atopábase xa máis que comprometida e os construtores levados polos normandos completaron a súa ruína». Comparemos este parágrafo con aquilo que dixemos sobre a época creadora irlandesa. Di que, desde os primeiros séculos da era cristiá ata o século XII, desenvólvese sen dificultades. En efecto, este espazo de tempo comprende desde o ano 150 de Cristo ata o 1150. No gráfico pódese comprobar que, en efecto, nestes séculos corresponde a época de gran fraccionamento demográfico (150-800); a fase federal (800-1000) e a fase absolutista (1000-1200), e con esta acaba a escultura irlandesa.

O proceso realízase, di, sen dificultades, e, en efecto, como vimos en todas as culturas, o paso da época de fraccionamento á fase federal realízase de forma insensible; é cando a arte entra na fase florida, e, cando esta acaba, téndese á imitación ou copia da produción das culturas veciñas, e, en efecto, como di François Henry, nesta data, «o éxito rápido dos mosteiros cistercienses propaga en Irlanda, non soamente unha nova arquitectura e os modelos dunha decoración estranxeira, senón tamén unha maneira particular de ver a escultura». É dicir, entra en Irlanda a corrente románico-gótica.

François Henry di que un dos aspectos máis impresionantes da arte cristiá irlandesa é o feito de ser continuadora da arte pagá que a precede, pero iso non nos ha de sorprender, posto que esta é a tónica xeral das épocas creadoras, nas cales os cambios espirituais non alteran ou ben favorecen o proceso creador; así, en Grecia, o feito que a relixión pagá fose substituída polas novas doutrinas órficas non alterou tampouco o proceso da escultura grega. Imos ver se podemos precisar a cronoloxía do proceso escultórico.

Dos tres primeiros séculos do ciclo non temos a data de ningunha escultura. Isto tampouco non nos ha de sorprender, posto que, como vimos, son os séculos desprovistos de datas precisas en todas as culturas, incluída a cultura clásica grega. A primeira escultura da cal se pode conjeturar a data en Irlanda é o ronsel de Fahan, en Donegal. As esculturas de Fahan están cheas de signos. Os dous pequenos personaxes que encadran a gran cruz de entrelazos téñenos sobre os vestidos e ao redor das súas cabezas. Distínguense claramente algunhas letras do alfabeto irlandés, pero M. Macalister, di François Henry, non chegou a reconstruír a frase, polo menos de xeito coherente. Ao contrario, á beira do ronsel, despois de limpar a pedra, recoñeceu con sorpresa os caracteres gregos e descifrou a fórmula de Gloria e Honra ao Pai, ao Fillo e ao Espírito Santo, fórmula prescrita no ano 633 polo Concilio de Toledo. Este feito, así como o feito de utilizar o grego, parece designar a segunda metade do século VII como a data máis probable do ronsel de Fahan.

Un avance na evolución do estilo que corresponde xa á fase de plenitude, témolo na cruz de Bealin. Esta leva a inscrición esculpida no relevo do fuste da cruz en recordo de Tuatgall. Os anais do Ulster citan a morte de Tuatgall, bispo de Colnmancnoise, no ano 810. Pola forma da inscrición dedúcese que foi feita en vida de Tuatgall. A súa execución é atribuída pois ás proximidades do ano 800.

En Monasterboies hai dúas cruces, unha das cales leva unha inscrición gravada profundamente na base do fuste. Todos os arqueólogos que a estudaron atribúena ao bispo Muiredach, morto en 924. Parece que se trataba dun personaxe moi importante.

Atopámonos, pois, ante tres cruces que pertencen respectivamente aos anos 650, 800 e 900 de Cristo aproximadamente; é dicir, ao comezo da fase de democracia, no momento de abertura da arte irlandesa e á fase de decadencia ou florida. Hai suficiente con comparar estas cruces para darse de conta que nos atopamos en dúas fases progresivas da evolución do estilo, e a última con todas as características da fase florida. Quer dicir, despois de chegar á perfección do traballo escultórico, este vén marcado por unha excesiva decoración e motivos ornamentais.

Entre estes exemplares, atopáronse un gran número que completan esta evolución e, por tanto, permítennos establecer o proceso evolutivo da arte irlandesa ata a súa decadencia. Esta vén precisada a través das cruces de Iniscealtra do século XI (1094) e as dúas cruces de Tuam, esculpidas entre 1126 e 1156, despois das cales desaparece toda manifestación da escultura irlandesa.

Gráfico de Irlanda.

Gráfico de Irlanda.

Tradución ao galego: Elisa Borrazás.